Accesibilidade cognitiva en 2027: que debe cumprir a túa empresa

O 2 de xaneiro de 2027 entra en vigor o regulamento de accesibilidade cognitiva, que establece o que deben facer as administracións e as empresas para que os seus textos, trámites e servizos sexan máis fáciles de comprender. 

O Real decreto 707/2026, publicado no BOE o 3 de setembro, aproba este regulamento, que desenvolve a Lei 6/2022. 

Explicámosche como saber se che afecta e que debes ter en conta para comezar a aplicalo.

 

A que organizacións afecta o regulamento? 

Depende do tipo de organización, dos servizos que presta e das persoas ás que se dirixe. O regulamento establece distintas obrigas segundo cada caso e contempla tres niveis de adaptación dos textos: linguaxe sinxela, linguaxe clara e lectura fácil. No noso anterior post explicamos en que consiste cada un e cales son as súas diferenzas.

A seguinte táboa resume, para cada tipo de organización, que debe adaptar, que nivel de accesibilidade se esixe e onde o establece o regulamento.

Cando o regulamento esixe que a información sexa «cognitivamente accesible» sen especificar un nivel concreto, o requisito mínimo para os textos é a linguaxe sinxela.

Se es...Que tes que adaptarNivelArtigo
Unha empresa que atende o público en sectores como banca e seguros, comercio, sanidade, servizos sociais, educación, cultura, lecer, turismo ou correosFollas de reclamaciónsLectura fácil9.2.b
Esa mesma empresaInformación comercial, contratos, consentimentos e instrucións de usoLinguaxe sinxela9.2.a e 9.3
Esa mesma empresaInformación sobre todos os seus servizosFormatos cognitivamente accesibles9.1.a
Un operador de telecomunicacións ou unha empresa con servizos en InternetTextos, formularios e procesos de consentimento, identificación, sinatura e pagamentoCognitivamente accesibles6.2 e 5.2
Unha administración públicaFormularios, solicitudes, guías para cubrilos e información sobre convocatorias de emprego públicoLectura fácil10.2.a e 10.5
Esa mesma administraciónTrámites electrónicos e, cando se solicite, temarios e exames de emprego públicoCognitivamente accesibles10.2.e e 10.5
Un museo, unha biblioteca ou un centro cultural estatal ou autonómicoFolletos e paneis informativosLectura fácil13.2
Unha empresa de transporteSinais e avisos, cun prazo de aplicación de ata quince anosCognitivamente accesibles8.1
Unha empresa con persoas traballadoras con discapacidade intelectual acreditadaFormación en prevención de riscos, pautas de actuación e protocolos de emerxenciaLinguaxe clara, con versión en lectura fácil14.2
Esa mesma empresaOfertas de emprego, condicións e requisitos dos postosLinguaxe sinxela14.3
Calquera das anterioresOs textos para os que non se establece un nivel específicoComo mínimo, linguaxe sinxela5.2

Se a túa empresa vende unicamente a outras empresas, ten en conta que o artigo 6 tamén che pode afectar se tes unha web ou prestas servizos en liña.

 

Por onde comezar? 

Podes comezar con tres pasos:

  1. Revisa a información que recibe o teu público. Comproba os documentos, formularios, contratos, avisos, contidos da web e procesos de contratación ou pagamento. Así poderás identificar que textos e servizos precisan adaptarse.
  2. Prioriza as adaptacións. Comeza polos contidos para os que o regulamento esixe lectura fácil ou linguaxe clara. Para os demais textos, aplica como mínimo os principios da linguaxe sinxela cando corresponda segundo o artigo 5.2.
  3. Comproba se se entenden. Sempre que sexa posible, contrasta as adaptacións con persoas lectoras, incluídas persoas con dificultades cognitivas. O regulamento contempla esta comprobación entre as medidas de accesibilidade, e a validación coas persoas destinatarias forma parte da metodoloxía da lectura fácil.

 

Por que non convén esperar? 

Hai catro motivos para non deixar a adaptación para o último momento.

  • A entrada en vigor está próxima. O regulamento entra en vigor o 2 de xaneiro de 2027, aínda que algúns ámbitos teñen prazos específicos. É o caso do transporte, que dispón de ata quince anos para adaptar sinais e avisos. Convén comprobar que prazo se aplica a cada obriga.
  • As adaptacións levan tempo. A lectura fácil, por exemplo, require validar os textos con persoas lectoras. É un proceso que precisa planificación e non se resolve de hoxe para mañá.
  • Hai moitos contidos que revisar. Contratos, formularios, avisos e páxinas web poden sumar centos de textos. Revisalos manualmente, frase a frase, pode consumir moitos recursos. As ferramentas tecnolóxicas axudan a axilizar o traballo, mentres que a revisión humana permite centrarse nos contidos que requiren máis atención.
  • O incumprimento pode ter consecuencias económicas. O regulamento remite ao réxime sancionador da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade, que contempla multas de entre 301 euros e un millón de euros, segundo a gravidade da infracción.

 

Como che pode axudar imaxin?

En imaxin axudámoste a revisar e adaptar os teus contidos para mellorar a súa accesibilidade cognitiva, desde a análise inicial ata o seu mantemento. 

  • Revisamos os teus textos e documentos para detectar barreiras de comprensión e localizar as prioridades de adaptación.
  • Adaptamos os contidos a linguaxe clara ou lectura fácil, segundo as necesidades de cada caso.
  • Melloramos formularios, instrucións e procesos dixitais, en coordinación co teu equipo técnico.
  • Planificamos as adaptacións contigo e revisamos os textos cando cambien os teus servizos ou a normativa. 

Se queres saber que obrigas se aplican á túa organización e por onde comezar, contacta con imaxin e analizaremos o teu caso.

 


BIBLIOGRAFÍA

España. «Real Decreto 707/2026, de 2 de septiembre, por el que se aprueba el Reglamento de las condiciones básicas de accesibilidad cognitiva». Boletín Oficial del Estado, núm. 218, 3 de setembro de 2026, BOE-A-2026-18509.

España. «Ley 6/2022, de 31 de marzo, de modificación del texto refundido de la Ley General de derechos de las personas con discapacidad y de su inclusión social, aprobado por el Real Decreto Legislativo 1/2013, de 29 de noviembre, para establecer y regular la accesibilidad cognitiva». Boletín Oficial del Estado, núm. 78, 1 de abril de 2022, BOE-A-2022-5140.

España. «Real Decreto Legislativo 1/2013, de 29 de noviembre, por el que se aprueba el Texto Refundido de la Ley General de derechos de las personas con discapacidad y de su inclusión social». Boletín Oficial del Estado, núm. 289, 3 de decembro de 2013, BOE-A-2013-12632.

Tes un proxecto?

Pídenos orzamento sen compromiso.